omartodo

A xente de Camariñas é coma o seu mar. Loitadora e agarimosa, con mans feitas de escuma de ondas que levantan as redes para traernos tesouros de pel cor prata ou para tecer delicadas pezas de fíos ritmicamente entrelazados con nome de natureza: o Encaixe de Camariñas.

O seu corazón, forte e doce, é como o dos arbustos das caramiñas que aquí medran protexidos pola duna do Monte Branco mentres bailan co noso vento e se visten de gala coa súa area dourada. De fronte, o Faro Vilán. Rexio, míranos imperturbable dándolle a cara ao mar infinito que ducias de valentes retan día tras día intentando domealo.

O Atlántico, a néboa, a choiva, as treboadas téñennos deixado un laiar agudo pola vidas levadas. Mais tamén lles estamos agradecidos por crear a beleza que nos rodea e que queremos compartir coa paixón que os camariñáns temos pola nosa terra e polo noso mar.

O proxecto “Plan de Dinamización Sitio de Interese Turístico cabo Vilán. Camariñas. O mar todo” é unha iniciativa enfocada ao desenvolvemento dun produto turístico unido ao mar, á dinamización da vila e do sector turístico para ofertar un mellor servizo e facer un destino máis atractivo e cohesionado. Está promovido polo Concello de Camariñas e financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira, GAC3-Costa da Morte.