A ría de Camariñas, así como outras da costa galega, foi un importante enclave estratéxico durante as batallas navais que ocuparon Europa durante os séculos XVI, XVII e XVIII.

A mediados do s.XVII comézanse a proxectar fortificacións para a defensa desta zona costeira e en 1740 xa se construíra parte da batería de Camariñas. En 1801 construíuse outra batería en Muxía, enfronte deste punto, para defender a totalidade desta ría.

A Batería do Soberano, ou tamén coñecida como Castelo do Soberano, constaba, cara á terra, dun recinto amurallado cun baluarte, dous medios baluartes e un foxo entre eles. A entrada estaba sita nun lateral do baluarte central. Para a defensa da parte que dá ao mar construíuse unha batería curva con dezasete troneiras. Entre os dous recintos emprazábase unha nave que servía de polvorín, almacén e acuartelamento.

Restos

Estaba construída con grandes bloques de granito. Actualmente só se conservan cimentos e parte da zona baixa do muro exterior.

Perdida a súa utilidade como recinto defensivo, foi desmontada nos anos 40 para utilizar os bloques na construción do actual peirao, onde tamén poden verse os canóns servindo de amarre para os barcos.