Cada 16 de xullo, a xente do mar de Camariñas festexa con paixón e devoción á súa patroa. A actividade e os nervios comezan xa o día anterior, engalando os barcos con bandeiras e fitas de cortes.

O día da festa, o programa comeza a primeira hora da mañá cos preparativos da ancestral e colorida Danza de Arcos. Os bailaríns concéntranse na praza do Concello para levar a súa música e os seus rítmicos pasos e movementos polo paseo marítimo cara á praza do Carme, xusto enfronte do porto. A seguinte parada é a igrexa de San Xurxo onde recollen imaxe gardada neste templo para acompañala á pequena capela do Carmen, máis próxima ao mar, e na que se atopa a pequena imaxe que sairá en procesión cos barcos.

Tras a misa de campaña no porto, dá comezo a tradicional procesión marítima. Cada ano, un dos barcos da flota local é elixido para levar á santa escoltado polo resto das embarcacións que suman á súa tripulación centos de vieños que viven con auténtica paixón este momento.

Ofrenda floral

A varias millas do porto, na entrada da ría, a flota fórmase en círculo para realizar a a ofrenda floral en memoria dos falecidos no mar envoltos polo incesante son das bucinas. Unha vez que as embarcacións completan as voltas de rigor en torno ao ramo botado á agua, a frota encamiñáse cara ao porto de Muxía. Alí, onde centenares de persoas os agardan, os bailaríns da Danza de Arcos repiten os seus pasos.

Iniciado xa o regreso a Camariñas a comitiva festiva aproxímase ao porto de Merexo para facer soar unha vez máis as súas bucinas, sendo replicados con bombas de palenque.

O desembarco da patroa no peirao baixo a bóveda de arcos de cores é outro dos momentos de máis emoción desta festa mariñeira.