O foxo de lobos de Camariñas é unha construción tradicional (s. XVI) que servía para cazar ao lobo. É a única da provincia da Coruña. Ten a singularidade de empregar como barreira natural a liña de costa ao situarse onda as praias de Reira. As outras trampas existentes en Galicia sitúanse nas montañas de Lugo e Ourense.

Este é un foxo de muros en forma de V, no vórtice dos cales se atopa un pozo de 2 metros de profundidade onde se precipitaba o animal.

Como era a batida?

  • Xuntanza. Antes da primavera prendían fogueiras nos montes e a columna de fume indicaba o inicio da batida.
  • Batida. Todo o mundo estaba obrigado a participar, excepto en Semana Santa e Nadal. Peiteaban os montes en grupo batendo cun pau na maleza. Outros facían ruído chocando trebellos.
  • Foxo dos lobos. Espantado o lobo cara ao foxo, ampliaban o muro que dá ao monte cun cordón de xente collida das mans. Tapaban o foxo con maleza e provocaban que o animal caera na trampa. Rematábano con pedras.
  • Festa. Co lobo morto atado polas pernas, botaban un pau polo medio e transportábano dous homes nos ombreiros. Percorrían os lugares en romaría. A práctica rematou cando apareceron as armas de fogo.
  • Presente. As testemuñas que reflicten este pasado son os topónimos dos lugares das fogueiras como o monte da Vela e a Cova dos Lobos