O porto é o centro neurálxico de Camariñas. Barcos que van e veñen, apeiros de pesca con pátina de sal, homes e mulleres do mar que chegan con tesouros exquisitos para os padais máis esixentes: polbo, sardiña, xurelo, ourizos, percebes. Ameixas, navallas ou longueiróns das augas tranquilas da ría. Cada un ten a súa época e vedas.

Pasear polo porto é unha experiencia. Os barcos do día, que utilizan artes menores e saen a faenar nas horas de máis luz e volven a primeira hora da tarde. Pola outra, os barcos de cerco ou palangre de fondo, máis grandes que os anteriores (máis de 50 toneladas). Saen sobre as 19.00h e volven ao amencer.

Estas mesmas embarcacións son as que cada 16 de xullo, festividade da Virxe do Carmen, se engalanan para levar a súa patroa en solemne procesión. No peirao tamén se sitúa a sede da Confraría de Pescadores, a organización profesional na que se organizan os mariñeiros.

Ameixas do Ariño

Entre os mariscos, Camariñas ten unha produción propia de percebes, ourizos e ameixas (xapónica, babosa e fina), berberechos, caramuxos e longueiróns e navallas. Se queres ver como se marisquea non tes máis que achegarte á zona do Ariño, onde traballa a Agrupación de Mariscadoras de Camariñas ou apuntarte nunha das visitas guiadas que organizan. Pregunta na Oficina de Turismo que atoparás no paseo marítimo ou na Confraría de Pescadores.

O municipio ten outro porto importante, Camelle, e portos artesanais en Santa Mariña e Arou.

 

TELÉFONOS

  • Oficina de turismo: 981 736 340
  • Confraría de pescadores: 981 737 219